BLOGMETENDAL DCCLXX: Ser roupa.

26 Xul BLOGMETENDAL DCCLXX: Ser roupa.

Ser roupa non é descansado. É moi sufrido.
Botan a mor parte do tempo nunha percha, e inda ben! cando non pregada con máis roupa por riba, abafándoas.
E poñémolas, e levámolas a un monte sitios ós que non lles preguntamos se queren ir.
A veces, sen seren de chuvia poñemolas á chuvia e enchoupámolas coma a fondama do pipo.
A veces, sen seren de frío poñemolas ó frío e aterecen.
Se as viste unha persoa ordenada, inda ben. Que se non… poñemolas de compaña doutras roupas cas que, de seu, non se levarían na vida. Tíramolas nun sofá, cunha manga polo dereito e outra polo revés, e mesmo sentamos enriba, ou pisámolas. O deixámolas no chan, a veces pola premura dun arrauto de paixón entendible, pero pisámolas, cando non quedan desprotexidas diante dun can, dun gato, que as enchen de pelos que non dás sacado.
E o cesto da roupa suxa! Días fedendo os fedores doutras roupas, algunhas que feden que alcatrean (e non é culpa delas!).
E a lavadora. Que afogan e marean. Non é que lles quite a suciedade, é que a gomitan!
E a secadora outra tortura: unha desidratadora, un vento desértico que non lles tira os pelos dos cans nin dos gatos.
E o tendedeiro. Se frío porque frío que conxela; se sol porque sol que queima; se vento porque vento que te tolea; e mesmo se chove! Porque quedan cun fedor, pequeno, pero desagradable.
E pagan os nosos suores e os nosos humores. Ai, si, a veces tamén os amores! Pero é fácil que lles toquen as peores partes.
Así acaban algunhas a xornada: derreadas. Esta non está a secar nin a tomar o aire, está a cobrar folgos!

Sen comentarios

Deixar unha resposta

%d bloggers like this: