Catro babeiros pra lle dar de comer á nena.
O terrible sería que a nena collera tal perrencha que manchara non só os catro babeiros, senón tamén o pixama da nai.
Cada comida un pixama e catro babeiros...
Son tendedeiros veciños. Nun un neno e noutro unha nena.
Oxalá sexan tan veciños coma os tendedeiros e, así como os tendedeiros xogan co mesmo aire, que eles xoguen na mesma rúa.
Á vida é máis divertida ó ventimperio....
Así como pola noite se contemplan as estrelas, polo día contémplanse os tendedeiros.
Falan. Falan de vez. Tanta cousa contan que dá pudor escoitar.
Este tendedeiro é unha festa comparado con eses edificios que son iguais calquera día a calquera hora do día. Guirnaldas de roupa...
Prendidas na corda de dentro pero debruzadas sobre a varanda do balcón pra fóra.
Pra mellor secar.
Prenda de abaixo, prenda de arriba, toalla pra os pés, dúas; unha só grande...
Toda roupa infraumbilical: Pantalóns e calcetíns. O xersei e a toalla estaban de paso.
Existe un criterio en quen lava só roupa infraumbilical.
Pero é un criterio relaxado. Como relaxada é a man que tende os calcetíns desparellados; a min as contas danme calcetíns impares, co...