28 Xuñ BLOGME TENDAL DCLVIII: Falangueiras
Cada quen ten o seu lado da cama.
Ela dorme con pixama, el só con camisola de asas. O home é case sempre máis caloroso que a muller. E ela debe ser frioleira porque a baixeira é das que dá calor.
En calquera caso os dous son sufridos e a súa roupa tamén.
Dío a roupa. Dío a mancha, esa mancha que xa non marcha, da camisola. Dino as mangas rotas do pixama.
Ai as roupas, que falangueiras son:
Teño na horta unha silva
que me pica e que me prende
teño unha mala veciña
que sen diñeiro me vende
Moita vida descansa nesa cama. Moito descanso merece.
Sen comentarios