03 Out BLOGME TENDAL CXCIII: Estendal de home feminino
Velaquí está! Tanto tempo botándoo en falta e un día vas pola rúa e non o ves pero el bótase a ti. Tantas veces que admirei o sentido da hixiene e da limpeza (que non son o mesmo) nas mulleres ó mesmo tempo que dubidaba e case afirmaba a carencia deses sentidos nos homes, ou cando menos que se definisen doutro xeito.Esa abundancia de estendais só con roupa interior (feminina) a tender. E tantas andrómenas sobre o por que e o como; se por necesidade, se por gusto, se a man, se …
E velaquí está un estendal similar a moitos, ata agora, só femininos. Pero este é indubidablemente de home. Só roupa interior para non contaminar outra roupa doutras partes do corpo ou non tan cinguidas a el. Úleme a vogada de lavadora. Pero non sei polo que. Se cadra é que quero eu imaxinar un home aplicado na hixiene íntima pero sen aquel costume ancestral, case xenético da muller lavando a man a roupa que toca o que ela gusta que sexa tocado tamén a man e a xeito, por iso a súa man. O home é máis bruto de seu, por iso non lle importa lavar esta roupa na loucura do centrifugado. Esta roupa só sería delicada no corpo que toca non no tecido industrial e sintéctico.
Pero oes… ten o seu valor. Imaxinade ese home preocupado pola vogada de xeito tan especializado que é delicado. E se é delicado ca roupa pra lavala así, que delicado non será noutros aspectos da vida doméstica e de parella…
Vese un home de gustos formados e madurados: só hai culottes. Austero pero con puntos alegres: ese par de culottes divertidos. E cun punto de misterio. Esa roupa apilada na esquina esquerda do estendal. En resumo: Estendal dun home divertido cun punto de misterio. Atractivo, nonsi?
Si. Tamén pode ser que fose a muller quen puxera esta lavadora. Si…
Sen comentarios