02 Ago BLOGME TENDAL CLXXXIV: TENDAL DALÍ. Persistencia da memoria ou roupa branda.
Talmente como os reloxos brandos de Dalí.
Non está tendida, nin a secar. Está. Desfacéndose. Perdendo toda persistencia da memoria. Pretendendo perdela, pero se cadra está así xustamente por ser memoria persistente.
Descubrín con abraio e normalidade que as mulleres tivesen unha braga para a regra. Lembro que ó mesmo tempo que me abraiou me pareceu moi lóxico. Mesmo era un agasallo de nais, sogras, irmás maiores ou amigas retranqueiras. Non coñezo de ningún home que agasallase este tipo de prendas.
O caso é que esa prenda non é coma as outras. Está estigmatizada. Non é por mal (ou si) é lóxica. Comparte caixón cas outras pero nunca é unha delas. É ela. Carente do máis mínimo glamour ou se quera encanto. É útil. Está porque ten que estar. Haina porque ten que habela. Simplemente é útil. Nunca se poñería para un día de normal aínda que non houbese a máis mínima posibilidade de lance amoroso.
É só para eses días. Nos que é necesario calor, simplemente calor. Nin agarimo nin hostias, calor, para que non doa, para que non incomode. É puramente analxésica, debérase vender nas farmacias.
Eses días nos que un rego fende e ás veces esgaza e berra “Es humana!”. Cago no deus que maldecíu con parir con dor.
Ponse con necesidade e lávase de contado, a man. Soa. Afastada. Illada, incomunicada das outras cas que só compartirá espazo físico no caixón e no corpo, nunca espazo emotivo. Lávase a man, frégase con algo de carraxe, e no mellor dos casos con absoluta funcionalidade. A súa conversa é monótona, sempre igual, nada excitante. E cando xa está lavada, si, pódese estender na corda a xeito para que seque. Pero neste caso está tirada a secar nunha postura de “Aí quedas! Seca se queres!” E ela desfaise, desléase, amolece, murcha flor que nunca foi. Feita un trapo, o seu antecesor.
Pero persiste, coma un reloxo máis de Dalí, a memoria da súa función periódica e humana.
Sen comentarios