11 Mar CONTOS PARA XORDAS/OS (e non só) 5.- Finalmente 12 de marzo. Sábado.
FESTIVAL ATLÁNTICA 12 de marzo. Sábado. 12.00h. “Unha manchea de contos”. Contos en lingua de signos e lingua oral para escoitar cos ollos e os oídos. Para toda a xente, xorda e non xorda. Caxoto, Gema Santos, Vero Rilo, Fátima Iglesias, Ana Senra e David Fernández. Museo do Pobo Galego. Entrada libre
E pensei, que contacto teño eu ca xente xorda? Ningún. Que relación teño eu ca xente xorda? Menos que ningún. Pero existen! E que se sentirá facendo algo con elas? Como se sentirá, como me sentirei?
E lin un libro de Oliver Sacks, grazas a María do xornal O Sil. “Veo una voz”. Lino ca boca aberta. A idea fundamental que me quedou dese libro é:
A xente xorda non é discapacitada. É xente que ten unhas capacidades distintas das que outra xente ten.
Zasca! En toda a orella.
Todo o contrario do que pensa moita xente, coma este pimpín que preside a Deputación de Teruel. Non é o único, non é minoría, non se escandalice ninguén por isto. Pero sei de varias persoas xordas moito máis capaces ca este individuo de non-sei-que-especie.
Falando e falando e dándolle a chapa a quen comigo topaba, a Santiago Pato e Tania Cid da Universidade de Vigo, a Soledad Felloza, …
E resulta que Felipe Caxoto xa tiña encetado un conto dende ese mesmo punto de vista.
E Vero, dos contos dAvoaPipa outro.
E Fátima Iglesia tiña un conto no que incluía linguaxe de xente xordocega. E cadrou que a xente de Galensigna xa estaban alí
Non era tanta novidade logo. Só non se sabía. E o Festival Atlántica deu o empurrón definitivo, imprescindible, e elas rematáron os contos. E Festival Atlántica acólle esta presentación dun xeito natural. Son contos, logo este é o seu sitio. Para xordos? Claro, e logo? Funcionará, non funcionará? Como calquera outra cousa. Por que non vai funcionar?
Iso si, están acabados de cocer. Sairán como saian, pero o primeiro do abrazo é abrir os brazos. Logo xa o traballo manda que din os labradores.
Devezo por velo. Cas imperfeccións que haxa. Devezo por velo. Cas imperfeccións que haxa. Porque están feitos ca precipitación da ilusión de todas que fixo que remataran o conto que tiñan a medias e se decidiran a presentalo, no festival, como estea. Non sabemos ninguén se gustará, se é interesante, se é útil, se… pero velaquí está.
Sobre todo devezo por partillalo con xente ó meu carón que algunha será xorda e outra non, con xente que sendo distinta son xente coma min, xente con capacidades que eu non teño pero que son necesarias para que este mundo, o meu mundo, sexa máis vivible e máis diverso e máis divertido e máis humano. O máis humano posible.
Vinde ós contos!! Vinde ó festival Atlántica!!
12 de marzo. Sábado. 12.00h. “Unha manchea de contos”.
Sen comentarios