16 Ago BLOGME TENDAL CLXXXVI: Tendal showroom
Pode ser un estendal, ou pode ser un escaparate. Vexan o expositor da tenda low-cost de roupa masculina con apariencia de usada, informal, pero limpa. Por dentro e por fóra. Liñas sinxelas e aparentemente convencionais que saen da norma pola forma de amosalas, con claridade. O que define un home contemporáneo urbano, aínda que viva na aldea, sen nada superflúo, esencial no vestir e polo tanto tamén no emocional. Isto fai que esta tenda sexa obxecto de atención das mulleres. Elas entran e non se atreven a mercar, pero queren. Só que a elas, por culpa desa educación das nais, non lles parece a xeito agasallar con roupa aparentemente usada, sen alisar, aínda que limpa. Elas outras, as que non entran, ocupan as terrazas e as mesas da xanela dos bares de enfrente para ver que homes entran e saen con compra feita, para seguilos, saber onde viven, onde beben, e onde (oxalá!) bailan e súan esa roupa informal que cubre o peito, tamén, esencial nas emocións…
Sen comentarios