17 Mai BLOGME TENDAL CLXXIII: Tendal de baranda
Este tipo de pinzado non ten nada que ver co de cordel. Non podes pinzar contra nada, porque o ferro é máis groso e polo tanto a pinza non é fiable, pode espiar do ferro e quedar a roupa ó ventimperio e comezar unha viaxe que daría para máis dun conto de O. Henry.
A roupa ten que confiar en si mesma, na súa propia fortaleza. Amárrase a si mesma, nun exercicio de contorsionismo téxtil sen rede e polo tanto non exento de perigos.
Que desacougo dá a imaxe dese pantalón a quen lle falou unha perneira. O público asiste dende as xanelas á evolución do acróbata… recuperará a posición ou cairá sen solución no abismo?
Non quixen mirar. Como facía no circo cando ca boca aberta pola beleza das figuras das acróbatas, de súpeto, pasaba algo que che apreixaba o corazón. Seguía cos ollos abertos, agora de par en par, pero non miraba.
A camisa, moi profesional, saudano ó público como se non pasase nada.

Sen comentarios