15 Feb BLOGME TENDAL CLX: Tendedeiro bailador
Esta roupa quere que a vista xente coma vento. Se o vento fose xente… sería unha orquestra de saxos, trombóns e clarinetes tocando música bailable e canalla, cálida. Vento ligón e bailador que saca a todas as roupas a un tempo e fainas voar ó ritmo da música que el canta e toda saia é vaporosa, e todo peito é cinguido e aberto e todo o tendal convértese nun salón de baile ó aire libre, alegre e rideiro, despreocupado e confiado.
É risa de cores, descarada e atrevida. Se cando o ves non bailas é porque non queres. Por medo. Sempre deron medo as mulleres de alegría insolente e descarada. Porque a alegría é libre e contaxiosa. Alegría e liberdade e contaxiosa son palabras femininas. Medo é masculina.
Chamei polo telefoniño e pedinlle un baile. Non puiden evitalo.
Sen comentarios