01 Xuñ BLOGME TENDAL CXXXI: Pai e filla

De primeiras pensei “Boh, un tendal normal” e xa ía pasar a outro pero quedei prendido de dúas cousas: as pinzas (normal) e un (short) pantalonciño curto azul en pacece-que algodón
A primeira vista semella o tendal dun matrimonio maior. Seguro? Pola roupa do home. Ese calzón cedido de si pola suma do tempo mais os lavados mais o peso dos collóns mais os movementos de mans para rañar neles e/ou recolocar (as mans son as que máis deforman a roupa de calquera parte do corpo, fixádevos na parte dianteira das camisetas das chicas na parte do suxetador). E logo as camisetas “imperio”, desvalorizadas e desprezadas hoxendía malia o seu valor (tamén para os fríos, pero) para os días calorosos como absorbentes da suor. Poida que non sexan estéticas, pero iso amáñase cunha deseñadora que lles dea xeito. O peor que teñen, sen dúbida, e a causa do seu desuso, é que che lembran a teu pai.
Pero a roupa dela… aí escorreguei. Non é de señora. Ou podería ser. Unha señora coetánea de talla pequena. Pero ese pantalonciño azul de algodón, aínda que os hai en “como-se-chama-esa-tea-?” (pregunto en serio). Así como imaxino (vexo!) a meu pai nesa camiseta, non imaxino á miña nai nese pantalonciño. Ningunha das miñas mozas usou nunca esa prenda. Ten pinta de ser o pantalonciño de ir á cama en noites tan calorosas como as que xustifican o uso da camiseta. Este pantalonciño, frouxo, xa na cama ten moitas posibilidades nos xogos de quencemento dos lances amatorios, en cama, sofá ou cociña.
Pero antes de chegar ó incesto mellor paramos nas pinzas. Mira ti que xeito lle toparon ó tirador do tendal (que xanon serve para iso)! Xa sabemos de que xanela tende. Pero hai unha cousa que me preocupa: Supoño que o arame non enferruxará. Senón esas pinzas de plástico serían un perigo para a roupa
Resumindo: Que ten pinta de ser tendal de pai e filla. Quen colga, que será ela, ten xeito, pois colga as camisetas polo ombreiro, e as bragas por debaixo do elástico ca parte máis sufrida ó sol, que clarea. Rapaza nova que fai os tendais como a nai moito tivo que falar con ela, moito tivo que partillar mentres tendían a roupa. Unha no tendal a outra no interior, o cesto da roupa polo medio e as palabras tendendo emocións. Conversas de roupa limpa que limpan o corazón. Acabo de me decatar de que a nai está, pero ausente.
Creo que unha das mellores cousas que unha nai pode ensinar, é a “facer un tendal”.
Sen comentarios