16 Mar BLOGME TENDAL CXX: Tendal automático
Tendal automático
Temos moitas rutinas ca roupa. Hai quen ten a rutina automática de deixala sempre arranxadiña no seu sitio e hai quen ten xusto a contraria.
Esta muller (porque non creo que chegue á casa e, nada máis entrar pola porta, o home lle colla a roupa e a tenda, e se é así: gloria a el e gloria a ela) chega da piscina ca roupa na bolsa, entra en casa e, automáticamente, co impulso de pechar a porta achégase xa á xanela e abre a bolsa e vai sacando a roupa e vaina poñendo a tender: primeiro a roupa de baño e ó final a toalla, que máis é de praia que de piscina. Case me atrevo a imaxinar como ten a roupa na bolsa: a toalla dobrada e na última dobrada pon a roupa de baño no medio, sempre mollada por mais que a escorras.
Sen pasar pola lavadora, pra que? Aínda se fose da praia que vén con areas… pero da piscina? Hai xente moi melindrosa con isto. Tamén as gafas? Si, tamén as gafas, porque cando estea todo seco xa pos todo xunto e preparado para ir o día seguinte á piscina sen deixar nada atrás: Esta muller vai decote á piscina. Sen dúbida.
Así que, xa postos, imaxino a casa por dentro: limpa, ordeada, sen nada fóra do sitio alén de algunha revista descadrada cas que teña embaixo. A cociña arrombada e non só, tamén os armarios da cociña, os caixóns dos cubertos grandes que sempre son un respiro para o caos e a casualidade. Vós non o sabedes pero eu si: esa xanela dá a un norte especialmente escuro e frío. Esa planta aí é embaixadora das que hai dentro. A casa está moi ordenada, pero bonita. Pode ser unha teimuda a quen lle amole que lle descadres as cousas.Igual o sinal de prohibido non o puxo o concello senón o azar. E como se vive cunha persoa así? E el vivirá soa?
Ela debe ter automatizados os ritos da orde e da limpeza, algo tan pouco masculino. Porque hai homes que cando limpamos a casa, mais que unha limpeza, facemos unha reforma.
Hai ritos, hai rutinas e hai automatismos.

Sen comentarios