02 Mar BLOGME TENDAL CXVIII: Tendal con tendal

Hai que ter coidado con quen se tende. Mirade que tendedeiro tan (filosóficamente) xeitoso o da esquerda. Que ben lavado, que ben feita a bogada (colada). Só roupa miúda. Aínda que a alguén non lle guste mesturar os calcetíns ca roupa interior, pero que tendal bonito fai, que pasas por el e van os ollos, e recréanse. Xente ordenada, xente de ben, quen viva nesa casa. De primeiras pensei que era roupa de críos, pero non, é de maiores. E de maiores en flor como se ve pola roupa. A roupa fala das alegrías que seguro se dispensan mutuamente os portadores das prendas. Por unha vez as cores non están só na roupa feminina. Azuis, verdes, e os calcetíns non se sabe se son del ou dela. Ou é el alegre de seu ou está aínda namorado (que lles dure!)
E colgadas con criterio unisex. Tanto ten de quen sexa o calcetín, de quen sexa a intimidade, todos os calcetíns por igual, todas as intimidades por igual, (que eu entendería unha discriminación positiva na intimidade), pero vese que hai confianza. Non podes permitir que a túa roupa interior a colgue calquera.
E o tendedeiro da dereita… tamén bisex, tamén de parella, pero… mesturar roupa branca con roupa de cor quer dicir que mercas roupa pola pinta e non pola calidade (coma case todos). Que non importa que dure pouco ou se estrague rápido. Ou non hai cartos na casa, que é o máis posible, si. Certo. Lembro aquilo de “somos pobres, non podemos mercar barato”, e toda a miña comprensión. Pero unha bogadiña de cor e outra de branca… é máis tempo si. Pero fai un tendedeiro apañadiño. Non sei se non haberá xa algo de rutina nesta relación.
Agora que tamén que casualidade, que un tendal teña só roupa interior e o do lado só roupa de cara a vista, xusto no mesmo día! Estaránse dicindo algo? Hmm… Como se levarán estes tendais?
Sen comentarios