09 Feb BLOGME TENDAL CXV: Impotencia
Se non estás no post orixinal, podes ir a el picando aquí
Tendedeiro entrado en anos. Todo cadra. Só hai unha prenda: hai muller na casa. E non di máis. Hai pinzas e mais pinzas, pero non queren dicir que haxa máis xente na casa, so din que houbo. Máis xente, ou máis roupa. Nin di cando houbo. Cando os ferros non tiñan ferruxe? Cando a cancela pechaba? Cando o seu marco era firme?
O feixe de pinzas amoreadas na corda onda o ferro enferruxado, as outras pinzas que non se sabe se esperan por roupa ou terman da malla, a outra corda que vai do anglete espetado na parede a un simple cravo na parede… non é abandono nin moito menos desleixo. Só están firmes as cordas de debaixo da uralita e os xeranios, xeranios! O resto só é impotencia.
Sen comentarios