12 Xan BLOGME TENDAL CXI: Todo polo chan
Non hai nada que non arrastre: alfombras e calcetíns, o inframundo. Prendas ignoradas, desprezadas a quen debemos a calor básica, fundamento do resto do noso benestar. Non se pode estar a gusto cos pés fríos. Son calor e limpeza e discreción.
Esas alfombras de cuarto de baño… teño a teoría de que teñen ese aquel de pelo para que non se note todo o pelo que collen. Porque mira que hai pelo nun cuarto de baño. E só hai unha cousa máis difícil que deixar un cuarto de baño limpo de pelos: limpar os pelos destas alfombras. Pero, é posible quitar os pelos destas alfombras? De todas formas, esas alfombras adoitan ser escollidas por mulleres. Os homes, á hora de acondicionar os cuartos de baño, tendemos a reproducir os dos hoteis aínda que nunca estiveramos nun. Por economia hixiénica.
E os calcetíns, están infrautilizados na limpeza doméstica. Hai xente que adoita andar por casa en calcetíns. Non está mal. Pero pode tirarse partido deste costume, bótas nos calcetíns flix deste que se bota nas mopas e xa de paso que camiñas limpas o chan da casa. Non chegas debaixo dos sofás, das mesas, das cadeiras… si, certo. Pero para iso botas o flix no can ou no gato e xa se encargan eles desas zonas.
Os calcetíns son como luvas infraumbilicais. Acollen ás uñas discretamente agochadas, pudorosamente agochadas cotra e deformacións (pequenas e grandes), xoanetes e os espazos entre as dedas, cemiterio de peles mortas e fedorentas. Canto lle debemos ó calcetín
Quen colgou ten un estilo de facer tendais. As alfombras cunha chea de pinzas (non as colgaría, máis que a secar, a escorrer, que pesan máis?) e cada calcetín cocadansúa pinza na perneira.
Teño a dúbida de se é home ou muller. Creo que tendeu muller. E reafírmome no da escolla de xénero á hora de poñer as alfombras dos baños: as alfombras van na mesma corda que os calcetíns de cor, e os calcetíns negros van todos na outra corda.
Para outro día queda “a vida secreta dos calcetíns”

Sen comentarios