15 Dec BLOGME TENDAL CVII: Tendal proporcional
Se é certo que a beleza está na proporción, este tendedeiro é fermosísimo. A parede garda unha relación de proporcionalidade estética non ca uralita plástica, senón ca súa inclinación e mais ca ferruxe dos soportes e co cordel, e máis ca xanela de aluminio que non debe ter rotura de ponte térmica, e tamén co fachinelo da esquerda con toda a pinta de cuarto de baño reformado.
Non debe ser doado, se ben tampouco imposible, amañar ben a uralita, nela vese un problema estructural que ampara esta inclinación: Piso de aluguer. E por esa xanela póderase ver cociña de butano e mesa de hule con cadeiras de formica. Caldeiro de fregar como cubo do lixo. Posiblemente exista beleza no chan, con losetas de feitura antiga, con golpes das vidas duras de quen vivíu aí.
A roupa está acurralada, encollida. Como se vai a abrir, mostrarse, fachendear de ser quen é aínda que sexa pobre, apertada pola uralita? O caer da toalla é de riso que revira en sarcasmo. Como vai rir sen sarcasmo!?
Non estaría mal que un deses calzoncillos se puxera a amañar aínda que só fose a inclinación da uralita. Así, o suxeitador caído podería tender a roupa con aire e alegría, e desa maneira a toalla recuperaría o sorriso franco ou, simplemente, o tender tranquilo ó sol, ó aire, e levantarlle o ánimo á parede toda.
Sen comentarios