08 Dec BLOGME TENDAL CVI: Roupa e roupiña
Lémbrame ó conto de Dieste do home que nace vello e vive a vida ó revés. Lémbrame ó poema de Avilés sobre Ludmila, quen no seu sangue leva os sangues todos de quen foi antes e quen virá despois. Nestas roupas están os homes da familia, os traballos repetidos ó longo do tempo e os traballos que han de vir. Nas pinzas están as mulleres da familia, as que lavaron e tenderon e as que han lavar e tender. Tamén me lembra o conto de Joselín da caveira de San Cosme cando era grande e de San cosme cando era pequeno.
Roupa e roupiña. É neno, que o babeiro azul é un chivato. Pequeno, que os pantalons tamén se chivan. E o mono… do pai … do avó…
Gústame o xeito de poñer as pinzas: económico. Unha por prenda mesmo no pantalonciño. O mono non precisa: total, é un mono. E ten pinta de estar máis por airear que por secar. Chega un momento no que non paga a pena lavar un mono de traballo. Ha ser muller e maior quen tendeu. E halle dar ás cousas un valor xusto: A roupa é para vestir: usar-manchar-lavar é o seu ciclo vital ata rematar en trapo. E no tendal están para secar. Non lle cumpre máis cousa que unha pinza.
Como será a conversa da roupa e da roupiña enredando na horta, ou na cociña? A roupa, ca súa experiencia, sabiduría acumulada e aguante. A roupiña, seguramente algo desaxeitada, quedará curta ou falará de máis. E o babeiro aguantando … as ganas.
Sen comentarios