24 Nov BLOGME TENDAL CIV: Infraumbilical
Para ser tendedeiro “de home” non está mal. Os pantalóns polo revés (como ten que ser, para que nin botóns nin cremalleiraprendan noutas pezas máis sensibles), con cadansúas tres pinzas máis reforzo (que os vaqueiros son duros coma a carne do pescozo) e cada calcetín con cadansúa pinza, unha por un. Segue o canon tradicional do que se entende por tendedeiro ben feito: a roupa miúda atrás e a roupa grande fóra, protexendo a grande á pequena nunha sorte de soliedariedade textil, contra a precariedade metereolóxica e o ventimperio.
Vaia que o home sabe facer un tendal. A súa nai educouno ben, e el aprendeu.
Agora imos a outra cousa. Toda esta roupa é infraumbilical, e para completar a visión infraumbilical falta unha prenda. Se cadra vai máis sobrado desa prenda que de calcetíns e de pantalóns.
Unha: Non se mata ca roupa. Vaqueiros e calcetíns negros. Normal tirando a vulgar. É unha persoa máis, sen afaán de destacar por nada, se cadra o único afán é non chamar a atención. Cousa que non é malo en por si. É un xeito de negociar ca vida: eu non me revolvo contra ti, ti non me botes contra as pedras. Non é unha negociación doada de facer non vaiades pensar. Cumpre paciencia e resistencia, e hai opcións de vitoria, xa o repetía Cela: “quen resiste gaña”.
E a imaxinación léame a velo camiñar descalzo e medio espido pola casa. Abrir a neveira, coller unha cervexa picar un pouco queixo e un pouco xamón e sentar no sofá, ca barriga relaxada, pois tamén afrouxou o cinto. Esa barriga sobresaínte, firme e tersa ou dobrada por cima do botón do pantalón, ca rea de pelos que abrigan o embigo e se estende coma unha arañeira pola panza toda perdéndose polo van do pantalón abaixo, esa barriga sobresaínte e relaxada (a talla do pantalón non é pequena), esférica, é o símbolo da tregua co frenesí do día a día. Unha man na cervexa, outra apoiada na panza asinando a paz co mundo.
E mañá xa veremos.

Sen comentarios