Comesaña. Pasan aquí máis cousas quen en Nova Ior

28 Out Comesaña. Pasan aquí máis cousas quen en Nova Ior

Esaxerado eu? Seguro. Pero non podemos falar en alto de todas, que aínda hai roupa tendida.

2013-10-06 15.06.44-1Temos un castro, o da Pedra Branca, e xa vedes con que vistas. Posiblemente sexa castro de gardarse, subindo ca facenda dende o lugar dos Castros (que está máis abaixo) cando se vía entrar polas Cíes para dentro ós Lordomani.

2013-10-06 15.34.59

E xusto cando estivemos alí, facendo esta foto, topamos esta camisa, a muda dunha cobra, que agora non sabemos que facer con ela. Pero os vellos si. Mágoa que se deixaron convencer por algún estúpido de que ese saber non valía para nada. Había quen sabía, que tivemos cura arqueólogo (non se saben ben quen) que levaba ós nenos da catequese a excavar, e seica levou do castro a “pedra do sol”. Disque era unha pedra de forma piramidal de tres caras. Onde estará?

castro e cova (14)Estivo habitado por un mouro. Bebía auga da mina da foto. Vése urbanizada (somos Vigo, señores!), os piñeiros de arriba son a punta do castro. A mina nace debaixo do castro, antes de que a “urbanizaran” collía nela un home de pé (de San Andrés, non de Noruega). O mouro sacaba o seu tesouro a sollar cado había sol. O ouro busca o sol como alimento. Se se achegaba alguén acochaba o tesouro. Seicaun día escapoulle o porco aun veciño, metéuse polo castro adiante, sorprendeu ó mouro e este cravoulle unha frecha de ouro. Ninguén na parroquia dubida da veracidade da historia, só a xente entre 50 e 20 anos (xente arruinada por un sistema educativo concebido para crear asalariados). A dúbida estaba e segue estando en se se puido aproveitar a carne do porco matado con ouro. Seica o ouro dá á carne sabor a bile e cor amarelo-iracundo. xa que logo aceda en extremo. Incomible.

2013-10-06 15.37.41Temos devesa do Rei. Este é o marco que se coñece, igual Anxo Rodriguez Purghatorio topa outro. Non se aprecia ben pero ten un R ben deseñado. Non se podía tocar aquela leña, estaba reservada para o rei e para a súa facenda, para os seus barcos ou o que fose mester

san andres (1) Os bancos da igrexa. A orde gubernativa de afastar os cimeterios de onde reside a xente viva vive, para levar a xente morta a residir lonxe, tardou en chegar de Madrid a Comesaña. As estradas, xa se sabe.

san andres

Eses bancos son antigas sepulturas. esas pedras grandes qe se puñan enriba das fosas cavadas na terra para que os cans non remexeran nos recén enterrados. Na miña casa temos dúas da miña familia, collen ben o sol e son quentiñas para botar a siesta. Estas son de xente que non se fixo cargo delas. Son sitios bos para repousar. Esas pedras non teñen presa, saben ver pasar o tempo de vagarsan andres (5)Este é un dos traumas da parroquia: Don Camilo. Non se entende como non beatificaron aínda de tan bo que din que era. Tan ben se lle quere que non está claro o tempo que exerceu de párroco. a tendencia é a porlle máis anos dos que foi e a contar, tamén, anécdotas saborosas de humildade e cercanía.

san andres (3)

Este é un dos meus traumas: De pequeno pensaba que José Antonio Primo de Rivera era de San Andrés, e eu estab todo rufo na escola de Bouzas (os da aristocracia da sardiña) ata que os compañeiros de escola me ensinaron a placa da súa igrexa e me dixeron que en realidade era de Bouzas. Dende aquela que eu cos de Bouzas…

E temos covas, polo regato do Granseo para arriba, ó pasar os muíños de Lorenzo, polo da Rega, xa en Coruxo (pero iso haberá que discutilo), as covas do Folón (picade na imaxe e veredes un video espectacular do Clube Espeleolóxico Maúso e Manuel Gago).

Ata que morreu, non hai moito, unha veciña botaba unha galiña pola porta da cova para adentro, para alimentar á serpe que vivía dentro da cova e que así fose favorable ás curas ou maxias que tivese que facer a señora.

Esta serpe había de ser familia da Coca de Redondela e máis da de Nigrán, que tiñan a casa matriz na Cova da Becha no Monte das Sete Camisas (O Galiñeiro)

Os bailes interrumpidos polos coches e animados por Chito, o portal cego que dá ó torreiro, a casa da Inquisición, o clube de atletismo máis antigo de Galiza (Zigala, que di Fran Narf), as alcuñas poderosas Eu son paxuriño por parte de nai e maturranca por parte de pai), a costa da Pedreira que quitou cristiáns á igrexa, o crime de Matamá, os avestruces do lagares…

Poste alí a falar e si, pasan en Comesaña máis cousas que en toda Nova Ior e máis das que saen na wikipedia.  E menos das que sabemos pola toponimia. Só que non lle damos importancia, son cotiáns para nós, nada do outro mundo. O que non entendo é a desmemoria o desaprender. Porque só con darlle importancia ó seu, ó cotián de seu, os americanos montaron primeiro Hollywood e agora HBO. Xa andan as da Nautilius a sacarlle brillo a todo isto

Que o outro día actuei alí, vaia, e foi moi emocionante.

Tags:
Sen comentarios

Deixar unha resposta

%d bloggers like this: