12 Feb BLOGME TENDAL XXVI. Tendal de fin de semana.
Ai a lavadora! Canto fixo polo progreso humano, pola liberación da muller, polo acceso do home ás labores do fogar e pola conciliación familiar. E polo frenesí de fin de seman! Este tendal, por exemplo:
É imaxinable a vida desta casa un sábado, ou un domingo. O día no que non se traballe. Levantarse, almorzar, abrigarse, levantar da cama a quen quede nela (agás que haxa un adolescente ou fillo sen traballo e sen afeccións deportivas). Coller toda a roupa que se usou durante á semana e á lavadora. Unha tras outra ata que toda a roupa quedou lavada. Desfacer a cama. Buscar os calcetíns debaixo do sofá (o naríz adoita ser fiable nesta pesquisa). Preguntar (a veces) “Tes roupa para lavar?” Ou sendo máis concreto “Tes roupa branca/de cor para lavar?”
Claro que para iso fai falta : Ter tendal abondo para tanta roupa. Ser tendal exterior facilita a cousa. Cando é interior non te podes pegar estas enchentas de lavadora.
Sen embargo, malia todo iso, volvemos topar cas diferencias home/muller á hora de afrontarnos a un tendal (O berro feminino igualitario de guerra foi “Todos somos iguais diante do fregadeiro”) Pero no tendal non.
Á vista está:
Hai mais roupa masculina que feminina, haina feminina escasa, e máis exterior que interior, mentres que a masculina abunda. Xa que logo, vemos que a relación ca roupa varía segundo o sexo. A teoría podería ser que a muller é máis atenta e coidadosa. Por que hai tan pouca roupa feminina nun tendal de fin de semana? Por que usa pouca? Por que a aproveita máis? Non, a resposta é outra: Porque a lava máis. Non espera, como os homes a acumular para encher a lavadora. Ós homes parécenos normal facer unha “lista de espera” para a roupa, como se fose a seguridade social. Algún poderá toparlle vantaxes centíficas, pois segundo o tempo de espera e as condicións de humidade e temperatura, pode dar lugar a cultivos que informen sobre patoloxías latentes de uso para a mellora da saúde do usuario, se este fose químico e quen de entender esa información.
Así vemos que hai unha negociación horaria distinta segundo o sexo tamén. Tendo horarios de traballo similares, os horarios de lavado son radicalmente distintos.
En xeral, claro.


Sen comentarios