29 Mar Vigo criminal, venres 31 de marzo, ás 19:30 hs na Biblioteca Neira Vilas
A teoría é que pasan máis cousas en Vigo que en toda Nova Ior.
É unha esaxeración, claro. É unha maneira de chamar a atención sobre as cousas que nos pasan ou pasan ó noso redor, e que non lle damos importancia. Onde está a importancia das cousas? No que nos fagan sentir e en como as contemos.
Do que si estou seguro, e pódese demostrar de maneira obxectiva, é que Vigo pode fornecer de argumentos a varias películas e series de televisión. Algo xa se fixo, pero eses argumentos seguen aí, á espera de que alguén os colla.
A todo isto, a cousa xurde despois de seguir a Manuel Gago nun roteiro que fixo por crimes de Compostela. Escoitándoo, empecei a salivar os crimes que coñecía de Vigo e a cara da cidade que eses crimes amosan. Un roteiro non podemos facer porque as distancias son moi grandes, pero…
Así que imos mesturar o, posiblemente, último crime antigo de Vigo, que rematou en romance de cego co primeiro crime moderno, ocorrido en 1924. Outro crime apaixoado que non paixonal. Crimes por intoxicacións masivas ou por contrabando. Crimes de carretera e sagas de crimes familiares feitos na casa. Crimes por amor á familia, por amor sen máis, por avaricia, por vaidade, por interese. Crimes manipulados, vendidos, editados e publicados e publicitados mais ou menos segundo o criminal.
E, se da tempo, o crime que non foi, pero case.
Ata venres, na Biblioteca Neira Vilas!
Sen comentarios