09 Mar CONTOS PARA XORDAS/OS (e non só) 3.- A técnica
FESTIVAL ATLÁNTICA 12 de marzo. Sábado. 12.00h. “Unha manchea de contos”. Contos en lingua de signos e lingua oral para escoitar cos ollos e os oídos. Para toda a xente, xorda e non xorda. Caxoto, Gema Santos, Vero Rinlo, Fátima Iglesias, Ana Senra e David Fernández.
Museo do Pobo Galego. Entrada libre
Fun ver contos en lingua de señas para nenas e nenos xordos. Moi interesante. Gocei daquelas sesións e suxeríronme mil cousas que fun falando con Arantxa e ela ía guiándome e aclarándome nas súas conversas.
Non se trata de contar contos con tradución a lingua de señas porque iso implica unha xerarquía, hai unha lingua orixinal e outra secundaria.
A chave que abríu a porta foi cando pensamos na posta en escena. Non podía ser iso de unha persoa no centro e outra nun recanto, volviamos a ter xerarquía na que quedaba subordinada a mesma parte. Os dous xuntos no centro do escenario, iso. E daí foi doado chegar a: “as dúas linguas á par”. A paño, que dirían na albanelería. Habería que escoller o repertorio e elaborar cada conto de xeito que as dúas linguas estivesen equilibradas.
A referencia eran os contos de Tim Bowley, quen conta en inglés con compañía galega. Casilda ou Charo Pita. Cando asistes ós contos de Tim e Charo pensas, antes de velos a primeira vez, que son contos en inglés traducidos ó galego, pero logo descubres que non sabes quen conta o conto, se Tim ou Charo, nin cal é a lingua orixinal do conto. That’s it!
E falando e falando ca xente disto que para min era unha novidade, para moita xente non era tal. Inma Torrente, directora de “Seis Hermanas”, faloume dunha canción de Tony Zenet. Puxen o video no facebook sen dicir nada. A xente víu o video como unha canción cunha moza que baila raro, cousa que se fai decote nos videoclips. Sen mais. Ninguén reparou en nada especial. Conteille a algunha xente logo como fora a feitura dese video:
Tony Zenet grabou a canción e fixo o videoclip ilustrado cunha historia de amor, moi convencional, de dous mozos (da que quedan restos neste videoclip, pódese ver tamén esta versión en youtube). Polo camiño unha moza xorda coñeceu a canción, e tanto lle prestou que a traducíu pola súa conta á linguaxe de señas, gravouse e mandoulla ó cantante, quen, cando víu a esta rapaza señando, puxo en marcha a produción doutro videoclip, que é o que poño aquí.
Para a xente que coñeceu a historia o videoclip cobrou outra dimensión emocional.
Pero hai máis
E máis, e máis, e máis, …
Vinde ós contos!! Vinde ó festival Atlántica!!
12 de marzo. Sábado. 12.00h. “Unha manchea de contos”.
Sen comentarios