10 Nov BLOGME TENDAL CII: Bailón
A esta chica gústalle bailar e lucir palma, que para iso se ten. É alta, iso sempre é un plus, as pernas longas sempre espertaron un aquel polo alpinismo nos ollos dos cobizosos (hai alguén que non o sexa?). Este é tendedeiro de domingo. Ela saíu venres e sábado. E bailou. E non bailou soa, estas pezas piden parella. Ese pantalón pide negociacións e tratados de colaboración internacionais, pero é o pantalón quen leva o ritmo das negociacións. Iso si, un ritmo constante e cambiante, lento ou acelerado segundo os intereses do país, non necesariamente da música que soe.
Non sei exactamente como combinarán as pezas de roupa. Non sei se a peza azul esmeralda combina co pantalón pistacho, non o acabo de velo co pantalón bandeira. E a saia axustada… non sei, pediría medias se as pernas fosen brancas, pero non hai medias , así que non han ser pernas brancas. (A ausencia doutra roupa miúda ha ser porque separa para lavar, cousa moi ben feita: cada roupa quere o seu coidado).Teño que preguntar ás miñas amigas. Os meus amigos non van ter enconta as cores á hora de combinar. A peza branca é para cando acabe o baile, que non a colla o frío, seguro. E contrasta o cinguido das pezas infraumbilicais co vaporoso e indefinido das supraumbilicais. Sen entrar a imaxinar proporcións, que se ben inflúen á hora de escoller tamaños non atenden a criterios unidimensionais sempre, si que me chama a atención. Supoño que esta chica ten… máis gusto polo baile que por outra cousa. Por iso prefire que luzan as pernas e só as pernas. Por iso ese pantalón de cor tan clara ou esoutro de liñas que van facer lucir sempre o ben que, seguro, ela baila.
A bandeira dun país a tremolar nunha discoteca ou torreiro é unha boa maneira de espertar simpatías e envexas (todo a vez e non necesariamente na mesma persoa) por un país. Unha boa estratexia que debera estar impulsada pola embaixada correspondente. Cumpre saber escoller a roupa que se use. Xa sei que tremola máis un chándal frouxo que un pantalón cinguido, pero … xamentendes.
Postos a falar de tratados internacionais, que mellor foro de negociacións que un baile! Canto non gañaría a ONU se se transformase nun torreiro indoor (discoteca) e os plenarios fosen bailes. Canto non gañaría se os países enviasen á xente que mellor baila e os encontros bilaterais fosen bailes de parella. Canto non gañariamos en tolerancia se os diplomáticos estivesen obrigados a aprender a bailar os bailes dos países onde nos van representar. Canto non gañaríamos se os nosos dirixentes (políticos, económicos, culturais,…) ademais de saber do seu, que é necesario, soubesen bailar! Xa sei que a parella máis demandada estes días e Angela Merkel, e que os chineses molan máis que o negro afroamericano (quen o diría! )… O baile esixe tolerancia e atención á outra persoa. Imaxinade vós as parellas de baile. E imaxinade, en vez de debates electorais, sesións vermouth.
Por todo isto, eu tiraría a BanKiMoon e faría a esta chica Secretaria Xeral da ONU.
Sen comentarios