27 Out BLOGME TENDAL C: Proporcións
Vese que son da talla, e para min aquí hai sintonía e coquetería. Amor, mesmo.
Eu vou, levanto a vista e vexo… só roupa interior, infraumbilical. A forma de poñer as pinzas é coherente: Tres pinzas por prenda, dobradas por debaixo da goma. A goma, xa se sabe que pola súa dureza non é bo sitio para poñer a pinza, e menos en exterior: a pinza prende malamente e un golpe de vento pode levantala. No caso das prendas dela, a que non é a básica de lycra, só vai con dúas pinzas, polos laterais tamén dobrados. Aí non se fai dano, hai costuras que poden ter da agresión que unha pinza sempre representa paraunha prensa delicada coma esta.
Pola talla vese que os dous son potentes, el e máis ela. Pola cor dun dos boxers a el véselle máis canalla, se cadra, que ela. Que triste, que con as cores alegran a vista e o espírito e levantan o ánimo.
Sen embargo, con esa talla que se adivina a ela véselle máis a gusto que a el. Ela, velaí a está, tal cal é, as roupas non traizoan, só lle poñen un sorriso. As formas, digo, das prendas dela, que non son sorriso sutil nin pícaro: Son riso a boca aberta, impúdico e descarado: “Velaquí estou como eu sou”
Pero el… coqueto! Coquetón! Que non lle gusta a barriga que ten. E debe de ser unha barriga bonita: tersa, rexa, mantida ca alegría de quen disfruta da comida… pero non tanto da barriga.
Por iso usa bóxers e non slips. Inconscientemente todos sabemos de arte, el tamén. Sabe que se usa slips, a curva descendente do slip potencia a liña curva inferior da panza, e potencia o seu tamaño, da panza (independentemente de calquera outro elemento xerador de curvas). Sabe que se usa bóxers, a liña horizontal do bóxer contraponse á liña curva da barriga provocando un efecto reductor. E se ese bóxer ten liñas horizontais, como é o caso, e é de marca, máis aínda.
Igual é ela quen lle merca bóxers antes de que el necesite mercar slips. As formas de manifestar o amor son infinitas. Pero polo tendal sabemos que a ela non lleimporta, igual ata lle gusta: as prendas dela acollen as prendas del. Coma nun abrazo de vento e pinzas.
Que si. Que a xanela e pobre e suxa. Pero o que se ve no rencantiño de abaixo da xanela, de cor vermella, son flores.

Sen comentarios