BLOGME TENDAL XCVIII: Tendal de churrasco

13 Out BLOGME TENDAL XCVIII: Tendal de churrasco

blogme 98

Un tendal con vistas. Vendo o que se ve non hai moito mais que dicir. Pero o tendal fai espello do que temos atrás. O espello do tendal refrexa a casa dos avós. Hai algunha roupa que non é de avó, esa roupa é o espello da filla, así como a piscina de supermercado é espello das netas.

E non estou traballando con información privilexiada, non coñezo a casa nin reparei nela. Gústame escoitar ós tendais, aínda que os malinterprete ás veces .  É o tendal da casa dos avós, o único lugar da familia onde hai sitio para a piscina onde os netos irán no vran a pasar as tardes que non poden ir á praia. De cando en vez, a nai aproveita para tomar o sol e mesmo pode bañarse, por iso queda roupa dela, que se está no tendal é que está na casa. Disto sabe ben a xente que duplica vestiario en lugares que visita a cotío. A vivenda propia e a dos pais, esta última na que de vez en cando se escoita “Mamá, onde está a miña/o meu…?” Os netos non fai falta que dupliquen, xa avó compra. Do mantemento da piscina xa se encarga o avó.

Da lavadora ó tendal, da piscina de plástico ó tendal ó carón da herba millán.

E a catedral… A roupa non desmerece en absoluto, dando igual a roupa que sexa (como será o tendal da catedral?)

Eu imaxino unha sobremesa, ou mellor aínda, un solpor de día libre onde os avós preparan un churrasco en barbacoa de centro comercial. Arrecende a fame a casa e a dos veciños. Sentados os dous avós cas súas varices, rillando no churrasco de carnecería de confianza, cunha botella de branco país e vasos reciclados de iogurte, mais as pastillas. Masticando á par cos dentes propios mais os postizos, a modo. Vendo a roupa dos netos mais a da filla (se cadra separada, que mal gusto tivo esta sempre cos homes, a quen saírá) e a roupa propia (como cambiamos). Na súa ollada confundiránse as roupas e as xentes: os bañadores dos netos lembrarán os da filla e a roupa dela lembrará a da avó… quen é quen e quen vestiría que…

Eles dous sentados alí, vendo a paisaxe que para eles é unha “vista” mais unha viaxe chea de emoción. Nunha man unha costela, na outra o vaso. Mellor que ir ó cine.

1Comentario
  • Rafa Bravo
    Publicado ás 15:12h, 14 Outubro Responder

    Parecese a de Teresa en Matama. Bicos a Yoli e para ti.

    Rafa

    El 13/10/2013, a les 08:59, Avelino gonzalez va escriure: > >

Deixar unha resposta

%d bloggers like this: