BLOGME TENDAL XCIV: Comer, beber, vestir

14 Set BLOGME TENDAL XCIV: Comer, beber, vestir

blogme 94Non quero imaxinar lavar isto a man. Isto é lavadora de fin de semana. Toda a roupa, veña! Cando remata unha vai outra, que a lavadora é máquina e só se sofre cando chega a factura da fenosa.

Para min que son catro na casa. Aínda que falta roupa dunha delas. Case toda a roupa é de home de dúas tallas. Ergo pai e fillo ou xenro e sogro. Non sei por que, supoño que lava ela… nai ou filla, sogra ou nora? Hai unha prenda só que chama pola señora, hai varias que falan da máis nova. Se non houbera señora habería que inventala.

Non me cadra este tendal sen señora maior. Non hai corda: hai arame, os pés son de ferro, co perigo que iso supón para a roupa. Un só punto de ferruxe e xa estragaches a roupa. De feito hai un pano de limpar por riba dun pé de ferro enferruxado. Creo que ningunha rapariga máis ou menos nova correría ese risco. Poñería cordel. Ou mandaría poñer. Se o fai a maior, xa ela ten conta de onde pon a roupa. Aínda que sen cadra o do arame é desleixo do home que o puxo: “Para que vou poñer un cordel, que rompe, se me sobra aquí este anaco de arame que ben vale? ”

O que non entendo é poñelo na porta da casa, atrancando o paso, obrigando a apartar a roupa para entrar, e á beira do carreiro de terra, que en día de sol, algo de pó levanta. Non sei se a manga do xersei é por iso, por facer paso.

Quedar queda bonito. Todo son traballos. O millo, a viña, a roupa. Comer, beber, vestir. Tres necesidades básicas.

E a regadeira…?

Sen comentarios

Deixar unha resposta

%d bloggers like this: