11 Ago BLOGME TENDAL XCII: Bicitendal.
E se non hai outro sitio non hai outro sitio. Pero a roupa ten que secar. A varanda da escaleira, a bicicleta! No airea ben, iso é evidente. O do lado é unha rúa cos seus coches (aínda que poucos) e coa súa xente pasando, co seu pó e carbonilla. En canto seque haberá que sacudila para quitarlle o máis evidente. Pero estará seca, que é o principal , aínda que teña un cheiro mais ou menos leve a humidade e monóxido de carbono.
Un sitio onde viva xente sen sitio para secar a roupa… Non sempre hai cartos para unha secadora.
Sorte do pasamáns e da situación de estar por baixo da rúa. Dificil de roubar. Pero tamén quen vai querer roubar roupa de traballo? Quen se queira disfrazar de traballador (Hai xente que gusta de se transformar de home en muller, de muller en home, de xente fina en obreira. O que daría pola foto do presidente da CEOE, ou da CEG en mono de currante…!)
E sorte de bicicleta. Non teño nada contra os pasamáns, merecen o meu respeto e admiración pola súa solidariedade indiscriminada. Pero esa bicicleta… en movemento medio de transporte, en reposo tendal. Un ser vivo comprensivo e multidisciplinar, sen prexuízos. Especializada, si, pero polivalente, e moi valente.
Xa que quen tendeu non ten prexuízos de que os viandantes vexan a roupa que ten e o xeito de secala, propóñolle que se ten gañas, pergueñe un tendal vertical na bici, de xeito que cando saia ca bicicleta, por calquera motivo, aproveite o movemento para secar á roupa ó aire. Máis rápido e tamén máis bonito. Moito alegraría a vista da xente.
Sen comentarios