BLOGME TENDAL XC: A árbore dos calcetíns

27 Xul BLOGME TENDAL XC: A árbore dos calcetíns

blogme 90.1

Había unha vez unha árbore nunha rúa dunha cidade. Estaba un pouco desorientada. Ó seu carón tiña máis árbores coma ela: pequenas, isoladas, afastadas unhas das outras, só podían falar a berros E non se pode manter unha conversa decente a berros e a distancia.

Esta árbore ten memoria (xenética) do seu entorno antigo, con máis árbores perto, con mais seres que non só árbores perto: pardais, ratos, grilos, formigas, piscos, chascos, rolas, croques, ortigas, silvas, fentos, … Pero onde estaba agora… non lle cadraba.

Ninguén lle facía caso. Algún can ía mexarlle to tronco (escuálido) algunha vez e non lle importaba, alguén que reparaba nel.

As súas laranxas non as aproveitaba ninguén. Co que non sabía para que as daba. Estaba entrándolle un aquel de impotencia e inutilidade. Nin a sombra tiña xeito. Os lagartos xa se sabe que nunca e ningún caso. Hai un tubo, pero é moi calado.

Pero. Víase rodeado de algo que tiña follas de todos os tamaños e de todas as cores, que mudaba de aspecto moitas veces dentro da propia estación. Mans e brazos recollían aquelas follas como se fosen as froitas. Que rápido maduraba, que rápido caía…

(N.d.A.: Será signo destes tempos no que toda novidade vira antiga en 24 horas? E el será que un tendal ven sendo como unha árbore feita tuit? Ou post?)

Era unha especie exótica… non. Aló pola súa memoria xenética tiña a súa imaxe: un tendal, unha trandeira…

“Mira ti! Velaquí está… pero … tantos! Tan altos! ”

Non acaba de coller ben o aquel co que funcionaban pero tiña envexa dos brazos que saían por riba dos tendais, tiña ciúmes das mans que abanaban poñían e collían as follas de todas as cores. Por riba, para máis amolar, ás veces cantaban.

“Boh! Nin me atenden nin me cantan”

Entón empezou a funcionar, de xeito inconsciente, o seu mecanismo de adaptación. O bó das árbores é que non fanáticas, pode que lentas pero nunca fanáticas. Foi examinando ás follas e os froitos e os comportamentos das mans e dos brazos. E do vento. E das cancións, agunhas en prosa. Decatouse de que había un estilo de canción que cantaba á prenda perdida. A veces con desacougo de desamor, ás veces con ton de abandono, outras de incomprensión, outras de carraxe. Concluíu que había non sabía se froita se folla, máis amada que calquera outra: o calcetín.

O seu proceso de metabolización foi facendo probas ata por fin dar o froito apetecido… e deu un calcetín. Primeiro prendido nun dos seus picos. Pareceulle que estar espetado provocaba unha maduración dorosa.

blogme 90.2E aínda conseguíu sacar outro calcetín e ademáis distinto do anterior, á imaxe e semellanza da pluralidade e dinamismo dos tendais do redor. O seu proceso metabolización conseguíu metabolizar unha folla en pinza! Así si. (tedes que ampliar a foto para ver a pinza, culpa do fotógrafo)

Polo de agora non servíu aínda para relacionarse cos tendais. Se cadra están moi lonxe. Se cadra cambian tanto que non é doado coller confianza con eles. Pero xa se sente máis atendida. Antes as súas laranxas caían no chan e alí apodrecían. Agora… xa lle colleron un calcetín!

Está á espera de enterarse a que saben, se hai que mondalos para comelos, se dan zume, se serven para ensaladas e tartas…

Ten a sensación de que deixar de dar laranxas para dar calcetíns vai facer que estea menos soa. Que a van querer, que a van deixar axudar, aportar, ser parte… ser, estar.

 

 

 

 

 

Sen comentarios

Deixar unha resposta

%d bloggers like this: