25 Mai BLOGME TENDAL LXXXI:
Na corda está o que vexo, na sombra o que imaxino.
Este tendal ten dous puntos de vista posibles: o masculino e o feminino. O masculino está na corda e o feminino na sombra. Xa quixera coñecer algún feminino.
A falta dese, que eu non podo escribir… É de chica (¿!). Non vive soa necesariamente. A roupa íntima feminina adoita toparse soa no tendal moitas veces, prolongación simbólica, se cadra, de soedades íntimas, confesións segredas a unha mesma: A sinceridade ben entendida empeza por unha e lévase por dentro. Se cadra, lavouse e de paso lavou as roupas. A man, todo a man. A man lavou a roupa e a man lavouna a ela. A man recoñeceu as asperezas e as suavidades. A man, que coñece todos e cada un dos pequenos secretos que temos e nunca os fala, unha discreción admirable. Pero podes lelos, só hai que sabe ler. Falar, sobra quen. Ler e escoitar xa non tanto.
Ela, a chica, cóidase. É nova… trinta e… que máis ten! O amor ten un punto egoísta necesario. Estampado alegre e o branco non aí unha cor neutra, senón segura. Vese guapa (as máis das veces, a beleza non está nas tallas senón nas dioptrías). Ela vese guapa, por iso esas prendas, que pasan desapercibidas a ollos inexpertos, (seica) non incomodan as formas propias senón que as realzan. Suponse que a ela non a incomodan, sei de chicas que non usan esas prendas por incómodas e outras que si as usan malia esa incomodidade. O glamour é moi escravo. Pero hai algo inquedante… unha sombra que mostra esaxeradamente algo que a propia prenda oculta e que moitas veces é incomoda. Algunhas veces mesmo é máis grande que a propia prenda… Que indiscreción, que ousadía, que falta de. Xa sei, ven ca prenda. Pero por que non a cortou? Se cadra non a incomoda. Ou simplemente ela colle as cousas tal cal veñen, como son, afaise, mostra de persoalidade flexible e tolerante. Esta chica cada vez gaña máis puntos!
Panos de cociña e intimidades miúdas lavadas xuntas? Esa cociña está moi limpa, moito. Pero non están na mesma corda. Hmm. Non se lavaron a un tempo: Foron uns detrás das outras. Ó revés? Non, seguro. Negaríanse as propias mans. Con dúas pinzas por prenda, colgadas da mesma forma, muller asentada nas súas ideas.
Roupa íntima á fronte, primeiro plano, sen pudor, con orgullo.

Sen comentarios