17 Xan BLOGME TENDAL LXV: Trandeira de chico
Creo. É un caos. Ou non ten xeito ou ten un xeito plural. Cada pantalón vai dun xeito (gaña un por 6 pinzas a 4 do outro, igual non tiña máis pinzas). En cambio os calcetíns, oes, quedaron impecables, simétricos, parecen marionetas. Os negros, que os amarelos agachados entre os calzóns parece que van os dous xuntos cunha pinza só.
O xeito de tender os calzóns… vale, coherente, si; é manía miña que non me gusta tender esa roupa por un lado. Paréceme un desprezo, quedan feos de ver. E son as únicas prendas que están arreboladas. Se non as quere lucir, cousa entendible, pois na corda de atrás. Pero si que os pon de calquera maneira. Moi diferente de como tende o xersei. A ese mímao. Faime chiste o xersei: catro pinzas e polos lados… deixan menos marca que se colles a corda? O vento non o leva pero, se é forte fai unha festa volteando o xersei coma unha campá. Tanto el como a súa sombra teñen pinta de ser de lá: É frioleiro. E coqueto, que o pantalón tendido polo van é de marcar… festa.
Ou será que hai chica. Na casa muller hai, que eses pratos na parede son cousa de nais. A ver se vai ser un que leva a roupa a lavar á casa de mamá!!!

Sen comentarios