BLOGME TENDAL LXIV: De muller soa

11 Xan BLOGME TENDAL LXIV: De muller soa

Este é de muller soa e frioleira.

Moi ben organizada ela, pero moderna: non lle importa poñer a roupa miúda diante e a grande detrás. E iso que así disposta ten mais posibilidade de rozar ca parede, pero se cadra prefire que roce a roupa da cama que a outra. Total, na cama, quen se fixa en detalle nas sabas?

Segura, reafírmase no propio xeito de tender. Tres pinzas onde podería chegar con dúas. Cada quen pon as pinzas que quere, só que as pinzas se cadra falan (e se cadra escoito eu de máis) Pero… dúas pinzas na extrema das sabas, e tres no pantalón do pixama. Son de querer asegurar.

Pinza as camisetas por debaixo da liña da sisa (sobrazo). Estiradiñas, sen tensíón: mais doadas de pranchar e que non se desfigure a prenda segundo voces femininas autorizadas na corda e no ferro.

Teño dúas simpatías. A roupa interior: a delicadeza ca que pinza os suxetadores, cara abaixo pola tira inferior un, e non sei se o de atrás está ó revés. Non é de ideas fixas ela, se é así, está aberta a cambios, escoita; E se non é así, pois mecagonoquedixen. Por iso me chama a atención a braga, pinzada pola cintura pero descadrada. Igual é polo vento, non sei. Por certo sinxela e bonita con ese encaixe (fai boas figuras ese modelo)

A outra simpatía e o pixama, de franela. Quente, quente. Frioleira, coitada. Hai quen non gusta desta tea. Eu tamén son frioleiro e sei que eses pixamas abrigosos son compatibles con cama solitaria ou compartida e potencian os agarimos e preliminares de calquera soño físico ou mental. Non substitúen o abrazo, pero tampouco o incomodan.

Muller soa e frioleira, quen ben tendes a roupa!

blogme 64

 

1Comentario
  • Yolanda
    Publicado ás 19:55h, 11 Xaneiro Responder

    eu coñezo alguen que tamen colga a roupa asi e unha rapaza pouco acostumada a tender a roupa e odas duas pinzas pode ser por medo que o pantalon caia o valeiro

Deixar unha resposta

%d bloggers like this: