BLOGME TENDAL LVI: Tendal artístico

27 Out BLOGME TENDAL LVI: Tendal artístico

Se fose paisaxe sería un cadro neoclásico no que as liñas dominantes son horizontais. O tendal está a xoga ca casas baixa, longa, de labradores. E mesmo as do fondo fan por non desafinar. E o monte tampouco se eleva. Para que? Se con esta altura xa seco os eucaliptos e freixos e carballos e acacias e pradairos. Todo é baixo. Todo está á altura do brazo para poñer a pinza.

E a roupa… ese despregue de camisóns cun sospeitoso pantalón frouxo. Hai dúas mulleres de distinta idade. Nai e filla. Sogra e Nora. A roupa interior si que di que non son novas. E todo o tendal ten coma un mesmo ton… Nai e filla. Seguro. Todas as cores son suaves na roupa e nas toallas, aínda que haxa cores, si, pero como bañadas polo mesmo verníz. Hai unha armonía cromática que di que esas mulleres coinciden en moitos gustos, se cadra tamén nas esperanazas de agora (o tendal non fala do pasado, é discreto). E pola dereita o tendal faise contundentemente trandeira, confundíndose cas tandeiras da viña, onde se tenden os camballos de uva. Igual nos tendais a roupa non seca senón que madura.

Só a cociña está máis alegre e rompedora. Se cadra é alí onde se concentran as alegrías que saian da rutina. Quizáis por netos que non viven nesa caixa baixa, igual viven nunha casa alta emparedada entre outras casas, altas, si. Pero se cadra de peor secar ca esta. Baixa. Coidada. A escala de brazo para poñer a pinza. Humana xa que logo.

 

Sen comentarios

Deixar unha resposta

%d bloggers like this: