22 Set BLOGME TENDAL LI. Unha só
Non consigo evitar que me prenda este tipo de tendal dunha prenda só. Case sempre feminino. Unha das voces que me acode é a do morbo, recoñézoo. Pero non paga a pena escribila. Outra é sempre a de imaxinar como se lavou esa prenda e por que e para que. Como foi a vida nese cuarto de lavar, pequeno que hai nos pisos, con lavadora e pileta. Ou lavabo ou bidé. O proceso comezaría no propio momento de quitala. levantar unha perna e logo outra para axudar á man que baixa e ó brazo que apoia en parede, mesa ou cadeira. Igual ten un tempo de espera, igual recibe unha mirada que confirme a necesidade de lavar. Non creo, sempre necesita lavar despois de usar, a mirada sería de revista do estado das costuras. Preparar a auga, morna, o deterxente, suave, a veces champú de cabelo (lóxico). Deixar a remollo, morno, e logo fregar, en todos os sentidos da palabra, con xeito, convicción e delicadeza. (as mans, os dedos) En honor ó lugar que a prenda ocupa na vestimenta, as evocacións que trae e as que promete. E esta, perdida nos tendais baleiros, non acusa soedade, senón reafirmación. Velaquí estou, chea de cores, así son, alegre, descarada, impúdica, riseira. Ten forma de boca que se abre en risa de comic, sonora e afable que partilla optimismo.

Sen comentarios