11 Ago BLOGME TENDAL XLVI: Tendal de parella
Cantas veces non decimos que non coñecemos ós nosos veciños! Ás veces os tendais pódense comunicar por nós. Non sei se non será así neste caso. Dous tendais calquera nun edificio calquera, pero neste caso, perfectamente emparellables. Teñen moito que ver. O de arriba é de home e o de abaixo de muller. Non hai dúbida nsto, e en que teñen moito en común.
O simpático é que os dous son de roupa deportiva.
Toallas, pantalóns, camisetas (unha cun deseño de squash), todas deportivas. As zapatillas a secar na soleira da xanela. Non usa ou non lavou calzóns nin calcetíns. Ollo ca camisa, ca únca prenda non deportiva, ca seguramente vai ó ximnasio… coma case sempre nos homes: un tendal básico, aínda que esa camisa permite sorpresas.
O dela é igual pero con máis profusión. Xa se sabe que as mulleres usan máis roupa ca nós para facer o mesmo (Tamén aproveitou para limpar a cociña). Todo pantalóns longos. E sudadeiras con capucha. Gústalle a fasquía gamberra e non tira polo sexi. Ela non fai deporte para ligar.
Son complementarios. Teñen o mesmo gusto pola actividade física. E todo é actividade física, finalmente. Igual non se coñecen, pero seguro que se miran cando se cruzan na escaleira (neste edificio non hai ascensor). Igual cadran cando saen a facer deporte. Ou cando volven.
Esta parella é un desperdicio. Ca de cousas que teñen en común, ben poderían deixarse levar pola roupa; as zapatillas da soleira piden as medias da corda de abaixo; as camisetas piden os pantalóns… E el e ela facendo actividade física por separado, cando, así o aseveran os seus tendais, ben podían quedar para facer… unha lavadora!

Sen comentarios