15 Mar BLOGME TENDAL XXXI. Tendal da paz
Foi o que me veu á cabeza en canto o vin. Mellor que esa ave cagona, parásita, indiscreta, interesada, aproveitada, oportunista, que tanto se parece ó ser humano.
Propoño este tendal como símbolo da paz.
Está nunha casa vella, como o mundo, como a ansia da paz. Unha casa deteriorada polo uso e abandoada, como a palabra paz. Só hai unha prenda, esencial, que abriga a zona que nos dá pracer, que evacúa as nosas miserias e que ó mesmo tempo fai que nos transcendamos a nós mesmas. Así somos nós, nada máis que iso: somos merda pero merda que se lava. Pero somos máis que nós. esa prenda vense abaixo ante o amor (ou aparta). Esta prenda pide compañía, líxase co uso e demanda limpeza. Lavar é unha actividade psicolóxica e emotiva, axuda a que te queiras tal cal es. Estares limpa é traballoso, como acadar a paz.
A árbore é un salgueiro, común, vulgar, coma nós, coma a xente, nace en calquera beira onde haxa auga, esténdese con xenerosidade. Non é unha planta resistente senón activista, non é denunciadora senón enunciadora, proselitista, compañeira de leiras labradas que defende da auga, sostén de vides que co seu viño matan a sede que sempre, todos os días, dende que nacemos ata que morremos, temos: sede de paz que temos que construír cada día.
E por fin, móstrase. Aí está, á vista de toda a xente. Sen orgullo, con naturalidade suma.
(E eu sigo sen saber por que se ven tan poucos calzoncillos sós nos tendais)

Sen comentarios