11 Set BLOGME TENDAL VII. Os tendais non son indiscretos
Este tendal non ten nada de estrano nin especial

é un tendal de home, desaxeitado, vese no xeito de pinzar “O” calcetín desparellado, as camisetas e a roupa interior (gústanlle os boxers) e non lle importa pinzar na corda perto da barra de ferro enferruxada que che mancha calquera cousa que acabas de lavar (ti non, a máquina. Se cadra por iso)
Pero!!! Ó acabar de sacar a foto, marchando, pasamos por unha porta onde un home estaba arrombando un seu baixo e preguntoume se era amigo do responsable do tendal. Díxenlle que non, só fotografaba tendais sen mais ambición. El presentouse como amigo do tendedor habitante da vivenda e aínda seguíu informando sen pedirllo (Xa dixen noutra ocasión, que malia que me gustan, dame pudor fotografar tendais e nunca o fago se me miran desde o edificio, menos se é dende o tendal)
Sen pedirllo, contoume que vivía só. Estaba separado da moza dende había pouco. Eu nin lembro que lle dixen, co aquel de “cousas del, cousas da vida… (Castelao dixit)”. Pero é que a cabeza qudou ocupada pola imaxe do tendal recén fotografado. Non quixen volver por ese pudor do “quen son eu para meterme na vida deninguén”.
Naquel tendal había un tanga.

Branco. E penso que a prenda cor burdeos do lado tamén é de muller. Ligaría ou reconciliaría ou… Recoñezo que mentres tomei o café de despois imaxinei varias posibilidades, incluída a de “cariño… (bico, abrazo) quita as bragas (trabadela no tendón simpático do lateral do pescozo) …que vou poñer a lavadora”. Se lle fixera iso a un ligue destes de última hora da madrugada, como será o home!
Pero que indiscreto o veciño
Sen comentarios