2014
Dirixín a primeira ópera, pequena, A “Ópera do teléfono” dentro das actividades pedagóxicas e familiares do Auditorio de Galicia ca Orquestra Filarmonía de Galicia.
2013
Escribín un sketch para a obra “Amor flexible” de Redrum producións
Traducín a obra “Meu Ben” (Little Gem) de Elaine Murphy, producida por Em2
Dirixín “Brancaflor” para Coperactiva
2012
Escribín un sketch para a obra “Curriculum vitae” de Redrum producións
Presentei por primeira vez unha gala de maxia: A Gala Internacional de LugoMáxico
Fomos Premio Max al mejor autor en gallego por “Pelos na Lingua”. Fomos, porque o texto está formado por varios sketches escritos ademáis por Artur Trillo, María Ordóñez, Diego Rei e Sechu Sende

Nos Premios María Casares 2012 gañei dous premios:
Mellor texto orixinal por “Pelos na Lingua” de Talía Teatro, compartido con Artur Trillo, María Ordóñez, Diego Rei e Sechu Sende.
Mellor Tradución por “O Oeste solitario” (The Lonesome West) de Martin McDonagh producido por P.T. Excéntricas.
2011 Non víu mal de todo. Fixen dúas traducións:
“O solitario oeste” (The lonsesome West)
De Martin McDonagh, o meu benquerido angloirlandés, quen tanto praceres me dá na lectura, na tradución e no ver as pezas postas en escena. Se é que escribe para nós, só que non o sabe. Tampouco lle importa. Mentres os seus axentes cobren por el… Foi producida por Producións Excéntricas (alias Mofa e Befa) e dirixido e adaptado por Quico Cadaval.
E “Unha hora na vida de Stefan Zweig”
De Antonio Tabares. O título é longo e xa adianta que a obra vai durar máis dunha hora. Pero ca adaptación de Rosa Álvarez quedou en hora e media. Tamén a dirixíu. E fixen a tradución con Olga F. Nogueira, a miña colega de traducións. Que xeito ten a rapaza, que doadas parecen as palabras cando se traballa con ela.
Dirixín o espectáculo “Pelos na Língua” De Talía Teatro, onde ademáis de dirixir tiven que escribir. O choio foi longo porque empezáramos o ano anterior. Pero foi un reencontro coa mesma xente coa que fixéramos “Bicos con Lingua”. Foi máis duro, pero penso que acertamos en todos os sentidos (case, menos un)
E déronme outro Premio María Casares a Mellor Texto Traducido por “Un Cranio Furado” (A Skull in Connemara). Outra gozada de Martin McDonagh montada no 2010 tamén por Producións Excéntricas e dirixido e adaptado por Quico Cadaval.
No 2009 Non lembro nada digno de ser mentado, así que pasamos a 2008
No que fixen a traducción de “Aeroplanos” de Carlos Gorostiza para a compañía LagartaLagarta, feita a medias tamén con Olga F. Nogueira. Non levei premio e deume rabia. Quedara tan bonita!
Pero si que me deron o Premio María Casares mellor texto traducido
por “A bombilla máxica” (The floating Lightbulb), con Olga, producida por Teatro do Atlántico no 2007
Neste ano dirixín “Perigo Zico Zaca Zuco” Un espectáculo de rúa producido por Zancalino Produs. Todo era en Zancos.
ZANCOS!!! Ata este ano estiven actuando enzancos por sitios e eventos varios: Festival de Títeres de redondela, Galicreques de Compostela, Festival de Évora, Festival de teatro Cómico de Cangas, Cabalgatas de Reis de Xerez, San Sadurniño, Feira Medieval de Mondoñedo… Podo gabarme de ser o primeiro zanqueiro español en ir en moto con zancos e en bici con zancos. Ala!
No 2006 déronme o Premio María Casares mellor texto traducido por “A Raíña de Beleza de Leenane” (The Beauty Queen of Lenane)
Con Olga tamén, producida por Teatro do Atlántico no ano anterior.
Actuei en “Tarará Chis Pum” dirixido por Artello teatro alla Scalla producida polo CDG no
2005 .
E no 2004 producín o espectáculo “Vento Mareiro”
Dirixido por min, escrito por min apañando historias de mar, coa participación impagable do Cuarteto Caramuxo, que levaron o Pemio María Casares á Mellor Música Orixinal.
E tamén actuei en “As laranxas mais laranxas de todas as laranxas” de Carlos Casares, producido polo CDG e dirixido por José Caldas
Tamén levei o Premio María Casares mellor texto orixinal por “Bicos con Língua” e fun Nominado
Premio María Casares mellor dirección polo mesmo espectáculo. Que dirixira no 2003. “Bicos con língua” foi producido por Talía teatro, onde ademáis de dirixir, houbo que escribir. Foi unha experiencia extraordinaria, se o penso antes de facer non o dou feito, pero metido aí no allo, nin me decataba do que estaba facendo.
Nese ano producín “Crónica de Avilés de Taramancos”. Argallei o espectáculo trabalando cas historias e poemas de Avilés de Taramancos.
No 2002 Actuei en “Animaliños” de R. Vidal Bolaño, dirixida por el ca súa compañía (Teatro do Aquí).
No 2001 Dirixín! “Cartas de Amor” de A.R. Gurney, que tamén traducín, producido por “Lagartalagarta” e á que os dereitos de autor mal entendidos impediron ser representada con moita profución mesmo en Madrid.
E actuei en “Policía” de S. Mrozeck adaptada e dirixida por Cándido Pazó. Foi o derradeiro espectáculo da nosa compañía: Ollomoltranvía. R.I.P. na que no
2000 actuara en “Qui Pro Quo” Un peza de clown pergueñada por nós mesmos.
En 1998 Actuei en “Estaçao Mahagonny” de Bertolt Brecht, producida por Teatro do Noroeste.
Ca miña compañía, OLLOMOLTRANVÍA, actuei en “Escola de Bufóns“,
de M. de Ghelderode, no 1997 “O rei Nú” de Cándido Pazó no 1998
“Raíñas de Pedra“, tamén de Cándido Pazó no 1994, dirixido por Hélder Costa.
E “Commedia, un xoguete para Goldoni” de C. Goldoni no 1993. O espectáculo foi moi premiado, entre outros co Premio Compostela ó Mellor Espectáculo, e tamén o Premio do Público de Alicante.
Tamén actuei na “Historia do Soldado” de I. Stravinsky, prodicida pólo Centro Dramático Galego. Neste mesmo ano 93 déronme o Premio Compostela mellor actor secundario compartido cos meus colegas do grupo de viláns teatreiros de “Un soño de Verán” estreado no 1992 dirixido e adaptado por Eduardo Alonso sobre W. Shakespeare para o Centro Dramático Galego.
No ano 1990 Fixemos o derradeiro espectáculo da miña primeir compañía profesional: Tranvía Teatro. O espectáculo chamábase “A mostra. Travesura 92” Unha comedia sobre a descuberta de América, escrita e dirixida por Cándido Pazó .
O ano anterior 1989 actuei por primeira vez no Centro Dramático Galego, en “As Alegres Casadas”
de W. Shakespeare, adaptado e dirixido por Eduardo Alonso. Neste ano tamén actuei e producín o meu primeiro espectáculo profesional “O melro branco”
Escrito e dirixido por Cándido Pazó.
Antes disto todo, empezara a facer teatro nunha compañía de teatro chamada A Farándula, onde cobrei por primeira vez, onde subín a escena por primeira vez, onde fixen moitas cousas relacionadas co teatro como varrer o escenario, cargar e descargar, levar luces, distribuir espectáculos… todo por primeira vez.

E actuei en “Arroutadas” No 1983; “Animación de rúa” no 1981, a primeira vez que actuei en zancos. “I érase unha vez” no 1980. A primeira vez que subín a escena, que na primeira función caeu unha árbore da escenografía e houbo que zafar. E zafei.