BLOGME TENDAL CCCXIII: Infidelidade

21 Xan BLOGME TENDAL CCCXIII: Infidelidade

Había unha vez unha parella que vivían nun barrio de edificios onde vive xente, nun “polígono residencial” que poderían chamalo. Este tipo de sitios onde hai edificios e edificios e edificios de catro pisos e rúas e aceras e contedores de lixo e piñeiros pra facer máis agradable o lugar.

A vida da parella era a normal e previsible nunha parella que vive neste tipo de lugares. Ata que ocorreu o que tampouco deixa de ser normal nunha parella que vive neste tipo de lugares e mais noutros. Ela descubriu que el lle era infiel.

Cando el chegou a casa, tan tranquilo, desatouse o trebón.

Ela pedía explicacións que non estaba interesada en atender. Berraba. El defendíase das palabras con palabras, dos xestos con xestos pra evitar que lle pegara. Pero tampouco tiña moita ansia de dar explicación ningunha.

Ela botouno do piso. Xa arranxarían o da hipoteca.

Xa viría el polas súas cousas.

Cando eu non estea.

Por suposto.

E marchou. Baixou á rúa e cando ía cruzar, a voz dela berroulle:

Non fai falta que volvas polas túas cousas. Velaquí as tes.

E comezaron a sair pola xanela pra fóra roupas e cousas, discos, camisas, pantalóns, fotos, zapatos, … calcetíns.

Todas as cousas del voaban e ían caendo por riba dos piñeiros. Tivo que afastarse, el e a xente que por alí estaba. Botáronse todos á acera de enfronte a ver aquel chafarís de cousas que caían. A roupa quedaba prendida nas pólas dos piñeiros.

Para a xente era un espectáculo, para el era un ridículo.

Os piñeiros quedaron inzados de roupa tendida. Convertidos nun tendedeiro desenamorado.

Apañou a roupa que puido debaixo dos insultos da muller e o riso calado da xente.

Pero non a colleu toda, claro. Era imposible. Había que agavear a varios piñeiros. O vento facía máis escandalosas as cores daquel tendedeiro.

Daquel desamor tendido ó sol sobre os piñeiros só queda este calcetín. Fosilizado. Como un corazón desamado.

Sen comentarios

Deixar unha resposta

%d bloggers like this: