No 2º Obradoiro de Narración Oral en Lugo.

16 Dec No 2º Obradoiro de Narración Oral en Lugo.

Martes, ás 18:00 hs. No Centro Sociocultural “Uxío Novoneira” Fin de festa, fin de curso, fin do obradoiro de narración oral da AELGA.  E pecho eu!

Mira que teño eu problema con como chamar a isto. Non me acaba a min de aquelar o de “narración oral”, lémbrame á descuberta que fixera o Burgués fidalgo de Molière cando se decatou de que falaba en prosa sen sabelo.

Faime ilusión e moita e espero estar á altura do obradoiro e de quen o imparteu e de quen asistíu a el. Así que o que pensei foi contar como argallo eu as historias que conto. Para iso enviei varios contos e onde os coñecín ou como os coñecín, ou como gardo os que invento. Para que así, ó escoitalos contados, se poida ver o camiño que hai entre unha cousa e outra. O camiño que eu ando, que hai tantos camiños coma contadores e xa se sabe que cada quen ten que facer o seu e só se fai camiño camiñando, que os camiños non son outra cousa que pisadas repetidas, unhas enriba das outras.

Propúxen un dos meus primeiros contos, que argallei dende un chiste que escoitara nunha cinta que unha compañeira actriz, Nuria Sanz, tiña con grabacións de seu avó.  Non teño referencias del. Eu chámolle “galletiñas”.

Outra, a Lenda da Moura de Medeiros,

que coñecín polo blog “Capítulo cero“. Este video foi a chave que me abríu a porta das lendas. Cando vin e escoitei a Miguel Losada (bo e xeneroso) prendín na lenda coma nas silveiras. Quedei engaiolado.

E un conto tradicional, o dos dous chepudos e as bruxas. O conto é popular en todos os sentidos da palabra.

Só que o conto preñou. Estivo aí a levedar, maino mainiño ata que se foi achegando a un baile, a pequenas historias. Aínda ten que cocer con baile

Outra historia, e unha que vén neste libro. Unha marabilla de palabras e emocións a bordo dun barco pesqueiro. Gústame presentalo como o derradeiro conto de tradición oral creado na Galiza do século XX. Seguramente será mentira pero queda bonito. Unha historiaza!

Máis dous contos urbanos creados por min e unha historia tradicional que me contaron en Boiro como sucedido local do que quedaban testemuñas vivas que me podían confirmar a veracidade do sucedido. Os alunos xa teñen os esquemas. E tamén unha sorte de nenos para aprender a contar ata dez (des, os da costa) ou ata vinte. Que collín desta delicia de libro que editou o Museo do Pobo Galego. Non creo que me dea tempo a ensinarlles a contar en galego ata cero, máis que nada porque é un xogo que non acaba nunca.

Vai ser unha sesión de contos e comentarios. Os presentes poderán pedir conto e comentar.

Espero que guste

1Comentario
  • Rafa Bravo
    Publicado ás 18:42h, 16 Decembro Responder

    Un crack, si senyor. Parabens Vexo-che contento con isto. Sabes que a xente de mktg lles din que en las presentacions tenyen q contar historias. Ao millor facemos un business. Parabens Unha aperta

    Rafa

    El 16/12/2013, a les 14.25, Avelino gonzalez va escriure:

Deixar unha resposta

%d bloggers like this: